Aire acondicionado


Á hora de comprar:

Procura comprar un equipo de aire acondicionado de clase A, e que incorpore filtros para o tratamento do aire, ademais de un deshumidificador, para o control da humidade do ambiente.

Consellos de uso e mantemento:

Para estes equipos é necesaria a limpeza, como mínimo unha vez ao mes, dos filtros, ademais de comprobar que non existan perdas no líquido refrixerante. Para que non diminúa o rendemento destes equipos non os debes colocar en zonas onde haxa achega de calor, ou proximidade de focos de calor como a radiación solar.
En refrixeración, a temperatura de consigna recomendada é de 25 ºC. Regula no termóstato do equipo de aire acondicionado esta temperatura e obterás un ambiente agradable na túa vivenda.


Como funciona o aparato de aire acondicionado?

O funcionamento dun equipo de aire acondicionado baséase no comportamento do fluído refrixerante. Este fluído absorbe a calor da estanza a refrixerar, evaporándose, para despois de percorrer o circuíto de refrixeración ata a unidade exterior e eliminar a calor absorbida ao condensarse tras sometelo a compresión. Dependendo das necesidades do usuario existen diferentes tipos de aire acondicionado:

  • Acondicionador de ventá: é o sistema de aire acondicionado máis elemental. Caracterízase pola facilidade para adaptarse a calquera edificio, climatizando unicamente a estanza na que se encontra instalado o equipo. Posúen nunha mesma unidade o compresor, ventilador, evaporador... o que produce certas desvantaxes en canto a aspectos estéticos e do nivel sonoro que produce no interior da vivenda.

  • Aire acondicionado portátil: caracterízanse por non posuír tampouco unidade exterior. Apenas necesitan instalación. Ao igual que no caso dos aparatos de ventá teñen a desvantaxe de producir un ruído excesivo ao introducir o compresor dentro da vivenda.

  • Acondicionador split (partido): Consta de dúas unidades: unha interior e outra exterior. A unidade interior está composta polo evaporador, o ventilador, o filtro de aire e o sistema de control, e a unidade exterior onde se encontra o compresor e o condensador. Ao atoparse na unidade interior exclusivamente o ventilador, o condensador é moito máis silencioso que no resto de equipos.
     

Como transporta o frío?

As diferentes formas de distribución destes sistemas son:

  • Consola ou equipo unitario: todos os compoñentes están xuntos nunha única unidade.

  • Split: os compoñentes sepáranse nunha unidade interior e outra exterior, para evitar o ruído do compresor no interior do local que se vai climatizar.

  • Multisplit: no interior da vivenda hai varias unidades para climatizar diferentes estancias.

  • Sistemas de distribución por tubaxes: a unidade interior e exterior únense mediante tubos de cobre.


Que equipo comprar?

Á hora de comprar un equipo de aire acondicionado debes ter en conta a etiquetaxe enerxética. Compra un equipo de aire acondicionado de clase A, e que máis se asemelle ás túas necesidades. Procura comprar un equipo de aire acondicionado que incorpore filtros para o tratamento do aire, ademais de un deshumidificador, para o control da humidade do ambiente.

Que tipo de climatización ofrece?

Estes equipos só nos ofrecen refrixeración, para cubrir a climatización sería necesaria a instalación doutro sistema.

A ter en conta

Vantaxes:

Equipos aptos para todo tipo de superficies.

Diferentes formas de distribución na vivenda.

Posibilidade de controlar a humidade da estanza a refrixerar.


Desvantaxes:

  • Necesidade de instalar outro sistema para cubrir a climatización.


Como se utiliza correctamente?

O uso desta tecnoloxía é moi sinxelo, só tes que regular a temperatura á que queres refrixerar a estanza da túa vivenda.

 



Bomba de calor


Á hora de comprar unha bomba de calor:

Déixate aconsellar por un profesional para elixir que tipo de bomba de calor se axusta mellor ás necesidades do teu fogar. Se a túa vivenda se encontra en zonas de clima frío, é recomendable que adquiras unha bomba de calor "Inverter", pois son as máis eficientes.

Consellos de uso e mantemento:

Para obter bos rendementos e aforros enerxéticos debes limpar periodicamente os filtros, para eliminar impurezas. Coloca estes equipos lonxe de fontes de calor para que non inflúa na medición dos termóstatos.

Estes equipos teñen incorporado un termóstato que mide a temperatura da estancia que hai que climatizar. Nestes equipos existe o modo económico ou "eco", no que cando a temperatura do cuarto se iguala á elixida polo usuario, o equipo deixa de funcionar, ata que de novo a temperatura varía respecto á elixida e volve poñerse en marcha.

Como funciona?

As bombas de calor son un sistema de climatización de alta eficiencia enerxética onde o axente que se ocupa de compensar as cargas térmicas do espazo que se vai condicionar pode ser auga e/ou aire. O rendemento destes equipos denomínase COP e adoita ter un valor aproximado de 2,5.

Son equipos moi eficientes, xa que por cada kW eléctrico consumido achegan como mínimo 3 kW térmicos. Estes sistemas non son aptos para climas moi fríos; para estes casos, recoméndase a tecnoloxía "Inverter", que dispón dun compresor de potencia adaptable. Un compresor de tipo inverter funciona sempre cunha potencia adaptable, traballando con máis forza cando a temperatura se afasta do que marca o termóstato, e con menos forza cando o cambio de temperatura é máis suave. Esta tecnoloxía mellora o funcionamento das instalacións e aumenta o rendemento do equipo.

Segundo de onde se extrae a calor, e en función do fluído utilizado para transmitila, existen tres tipos de bombas de calor:

  • Bomba de calor Aire-Auga: extrae a calor do exterior e transmítea ao interior a través dun circuíto de calefacción por auga.

  • Bomba de calor Auga-Auga:  extrae a calor dun río, lago ou pozo para quentar ou arrefriar un circuíto de calefacción.

  • Bomba de Calor Aire-Aire:  é a máis usada; extrae a enerxía do aire exterior e transmítea ao interior tamén en forma de aire.


Como transporta a calor?

As bombas de calor teñen diferentes formas de distribución, que poden ser as seguintes:
  • Consola ou equipo unitario: todos os compoñentes están xuntos nunha única unidade.

  • Split: os compoñentes sepáranse nunha unidade interior e outra exterior, para evitar o ruído do compresor no interior do local que se vai climatizar.

  • Multisplit: no interior da vivenda hai varias unidades para climatizar diferentes estancias.

  • Sistemas de distribución por tubaxes: a unidade interior e exterior únense mediante tubos de cobre.

 

Que equipo comprar?

Se vas comprar este equipo para a túa vivenda, recomendámosche que solicites axuda a un profesional que che axude a elixir o tipo de bomba de calor que mellor se axusta ás túas necesidades. Se a túa vivenda se encontra en zonas de clima frío, é recomendable que adquiras unha bomba de calor "Inverter", pois son as máis eficientes.

Que tipo de climatización ofrece?

Estes equipos ofrécenche a vantaxe de ter calefacción e refrixeración todo en un. Son os equipos máis recomendables para climas con invernos non moi fríos, xa que cobren totalmente a demanda de climatización.

A ter en conta

Vantaxes:

Cobre tanto calefacción coma refrixeración.

Equipos moi eficientes: con 1 kW eléctrico achegan 3 kW térmicos.

Teñen varias opcións de instalación: consola, Split, multisplit e sistemas de distribución.

Ofrecen a tecnoloxía Inverter, que aumenta o rendemento do equipo e mellora o funcionamento do sistema.

Apta para todo tipo de superficies.


Desvantaxes:

  • A temperaturas moi baixas, o rendemento destes equipos diminúe.

  • Alto investimento económico.


Como se utiliza correctamente?

Este tipo de sistemas teñen un funcionamento sinxelo: debes elixir a temperatura que desexas obter e acender o equipo. En momentos nos que non esteas na casa, e sexan períodos curtos, reduce a temperatura se é para calefacción, ou auméntaa se se trata de refrixerar.

 




Enlaces relacionados:

Simulador aforro de consumo