É importante escoller unha batería axeitada ao tipo de cociña que tes na casa. Certos utensilios axudan a cociñar de forma máis eficiente.


Cociñas

Á hora de comprar:

Procura comprar unha cociña a gas, que resulta máis eficiente que unha eléctrica. En todo caso, se vas comprar unha cociña eléctrica, procura que sexa de indución, xa que aforrarás enerxía e ademais reducirás a túa factura.
 

Como funciona?

As cociñas clasifícanse principalmente en función da enerxía utilizada: poden ser a gas ou eléctricas. As cociñas a gas son máis eficientes que as eléctricas, aínda que estas últimas sexan as máis comúns. As cociñas eléctricas poden ser: a placa de resistencia, a placa vitrocerámica eléctrica e a placa de indución.
 

Que equipo comprar?

Antes de adquirir unha cociña debes ter claro o sistema que desexas instalar: eléctrico ou a gas, sendo este último o máis eficiente. 

Se vas comprar unha cociña eléctrica procura que sexa de indución, son máis caras que as vitrocerámicas convencionais pero o seu consumo enerxético é menor. Ademais o tempo de cocción que requiren é un 40% menor.
 

Canta enerxía consume?

O consumo da cociña depende dos hábitos de consumo da familia. Para o mesmo consumo, as cociñas a gas son as máis eficientes e rápidas. As vitrocerámicas de indución serían menos eficientes que as de gas, aínda que as máis eficientes dentro dos sistemas eléctricos. Seguiríanlle as vitrocerámicas convencionais con consumos e tempos de cocción moito máis altos e por último as cociñas de resistencias, as máis ineficientes.

 

Fornos

Sabías que cada vez que abres a porta do forno se perde o 20% da enerxía acumulada?
 

Á hora de comprar:

Procura comprar un forno a gas, que resulta máis eficiente que un eléctrico. En todo caso, se vas comprar un forno eléctrico, procura que sexa de clase A, xa que aforrarás enerxía e ademais reducirás a túa factura.
 

Como funciona?

Os fornos poden ser a gas ou eléctricos, os fornos a gas son máis eficientes que os eléctricos, aínda que estes últimos son os máis comúns, no 89% nos fogares españois.
 

Que equipo comprar?

Os fornos eléctricos posúen a etiqueta enerxética, dende a letra A, a máis eficiente, ata o G.

Na etiqueta enerxética dun forno distínguense 3 tipos de tamaños: pequeno, mediano e grande, dependendo do volume útil do forno. No forno eléctrico a clase de eficiencia outórgase por consumo específico, non por comparación con outros fornos. A referencia de consumo é a media do consumo en kWh con carga normal e corresponde ás clases C - D:

Forno pequeno: 1 kWh

Forno mediano: 1,2 kWh

Forno grande: 1,4 kWh


Se é posible, elixe un forno a gas, máis eficiente que un eléctrico. Pero se non é así, compra un forno eléctrico de clase enerxética A.
 

Canta enerxía consume?

A modo de exemplo se compras un forno pequeno de clase enerxética A, o seu consumo é 0.60 kWh por uso fronte ao consumo dun forno eléctrico de 15 anos (clase E ou F) que son de 1.40 kWh por uso. As familias españolas usan o forno, de media, unha vez por semana, polo que ao ano, aforrarían con este cambio 85 kWh.

 

Microondas

Se utilizas o microondas en lugar do forno podes aforrar moito tempo e entre un 60% e un 70% de enerxía.
 

Á hora de comprar:

O microondas consome moita menos enerxía que un forno. Elixe un que teña o tamaño e a potencia axeitada ás túas necesidades reais. Evitarás consumir máis enerxía da que realmente necesitas.
 

Consellos de uso:

Utiliza o microondas en vez do forno, aforrarás entre un 60% e un 70% de enerxía e aforrarás tempo.

O microondas funciona distinto que o forno, para máis cantidade a quentar necesita máis potencia ou tempo. Non actúa como o forno, que usa a mesma enerxía independentemente da carga.

 



Enlaces relacionados:

Consellos de uso e mantemento das cociñas

Consellos de uso e mantemento dos fornos