Lavadoras

Reducir a temperatura do lavado, por exemplo de 40 ºC a 15 ºC, reduce o consumo de enerxía á metade
 

Á hora de comprar:

Procura comprar lavadoras de clase A, con eficacia de lavado e de centrifugado de clase A, xa que aforrarás enerxía e ademais reducirás a túa factura.
 

Como funciona?

As lavadoras pódense clasificar en función de diversas características:

Polo tipo de carga: as de carga superior posúen velocidades máximas de centrifugado inferiores. Teñen uns 40 cm de anchura.

Pola velocidade de centrifugado: o rango de velocidades máximas máis usuais vai dende 500 r.p.m a 1300 r.p.m. Podemos clasificar as lavadoras en función da eficacia coa cal se realiza o centrifugado. As lavadoras máis modernas incorporan sistemas de equilibrado e centrifugado gradual para reducir as tensións na máquina durante o centrifugado.

Polos programas de funcionamento: a variedade de programas de funcionamento que ofrecen os fabricantes de lavadoras é moi ampla, non obstante, os programas máis importantes á hora de poder realizar un uso eficiente da túa lavadora son: programa económico, programa de lavado curto, programa de lavado con auga fría e programa de lavado a media carga.

Existen no mercado as lavadoras bitérmicas que constan de dúas tomas de auga independentes para a auga fría e a auga quente. Nestas lavadoras tómase a auga quente do circuíto de produción de auga quente da casa. As lavadoras convencionais quentan a auga con resistencias, un sistema moi ineficiente, polo que en casas que dispoñen de toma bitérmica e un sistema de auga quente eficiente, como unha caldeira de condensación, o uso deste sistema aforra enerxía e tempo de lavado. Tamén hai lavadoras con sonda de auga, que mide a sucidade da auga de lavado, e a cambia só cando é necesario.
 

Que equipo comprar?

A clasificación das lavadoras atende á etiquetaxe enerxética xeral, dende a letra A+++ ata a D. Na etiqueta enerxética aparecen diferentes especificacións como: a eficacia de centrifugado, o consumo de auga e o consumo de enerxía por ciclo de lavado.

Á hora de comprar unha lavadora, debes fixarte na súa clase enerxética. Compra lavadoras de clase A+, A++, A+++.

Adquire lavadoras que posúan diferentes ciclos de lavado, sobre todo ciclos de lavado curtos e económicos. Tamén é importante que teña a posibilidade de elixir a temperatura de lavado, para o aforro de enerxía.

Cando compres unha lavadora fíxate na situación do filtro e a facilidade de acceso a este, para mantelo sempre limpo.
 

Canta enerxía consume?

O consumo da lavadora depende das características de funcionamento: temperatura, ciclo de lavado, revolucións, carga...

O consumo enerxético dunha lavadora media de clase enerxética A é de 171kWh/ano, e o consumo enerxético dunha clase D é de 377 kWh/ano; se cambias a lavadora de clase D por unha de clase A aforrarás ao longo da vida útil do aparato preto de 370 €.

Consellos de uso e mantemento das lavadoras

 

Secadoras

Centrifugar a roupa antes de introducila na secadora aforra moita enerxía en cada lavado.
 

Á hora de comprar:

Procura comprar secadoras a gas xa que son as máis eficientes. Se compras unha eléctrica, procura que sexa de clase A e de condensación, xa que aforrarás enerxía e ademais reducirás a túa factura.
 

Como funciona?

As secadoras funcionan mantendo a roupa flotando no interior dun tambor xiratorio, facendo pasar aire quente a través dela, co cal se consegue evaporar a auga contida na roupa. Este aire, despois de pasar pola roupa, pasa por un filtro que atrapa as peluxes que se desprenden da roupa durante o secado. Ao finalizar o ciclo de secado, a roupa arrefríase por un período curto facendo circular aire frío.

As secadoras pódense clasificar de diferentes formas:

Polo tipo de carga, frontal ou superior.

Polo modo de evacuación da humidade:  evacuación ou condensación.

  • As secadoras por condensación realizan o secado mediante a eliminación da humidade da roupa condensando a auga que poida conter. A condensación prodúcese ao facer pasar o aire húmido a través dun serpentín que pode ser refrixerado por auga ou por aire a través dun ventilador. A evacuación da auga pódese realizar directamente a un desaugadoiro ou nun depósito que haberá de ser baleirado cando se encontre cheo. Este sistema é moi eficiente. 
  • A secadora por extracción realiza o secado da roupa mediante a eliminación da humidade evacuando a auga desta en forma de aire húmido ao exterior. Necesita estar instalado nun lugar ben ventilado ou dispoñer dunha saída de aire ao exterior a través dun tubo. Este sistema é ineficiente.
Polo sistema de parada do equipo. O control pode ser por:
  • Sensor de humidade: existe un sistema intelixente que detén o proceso de secado á porcentaxe de humidade escollida polo usuario, maximizando a eficiencia.

  • Temporizador: o tempo de secado está prefixado. O secado detense ao finalizar o devandito tempo.

  • Con ciclos con arrefriamento progresivo: rematan de secar a roupa coa calor residual da secadora. Ademais das secadoras eléctricas, existen secadoras a gas, máis eficientes que as primeiras.


Que equipo comprar?

As secadoras atenden á etiquetaxe enerxética, desde a letra A+++ ata o D. Na etiqueta enerxética indícase a capacidade do aparato o consumo de enerxía por ciclo, e ademais especifícase o tipo de secado, se é por extracción ou por condensación.

Se podes elixir, compra secadoras a gas, as máis eficientes. Se é eléctrica que sexa de clase enerxética A e de condensación.
 

Canta enerxía consome?

O consumo enerxético dunha secadora media de clase D é de 304 kWh/ano. Se a comparamos co mesmo tipo de secadora e uso, pero clase enerxética A, o consumo é de 167 kWh/ano; aforra case o 50% de enerxía que consome o aparello. Afórranse uns 190 € ao longo da vida útil do electrodoméstico se se cambia unha secadora de clase D por unha A.

 

Lavadora - secadora

Como funciona?

A lavadora - secadora combina dúas funcións nun electrodoméstico. O comportamento como lavadora é normal, coas mesmas melloras tecnolóxicas e os mesmos consellos para o seu uso e mantemento que unha lavadora convencional.

Como secadora, utiliza a condensación. Nunha lavadora-secadora non se pode secar a mesma cantidade de roupa que se lava, sendo a súa capacidade de secado, xeralmente entre 2 kg e 3 kg inferior á súa capacidade de lavado.

A etiqueta enerxética deste electrodoméstico combina as especificacións dos dous electrodomésticos.

 



Enlaces relacionados:

Consellos de uso e de mantemento de lavadoras

Consellos de uso e de mantemento das secadoras