Infórmache sobre como elixir un lavalouzas eficiente.


Á hora de comprar:

Procura comprar unha lavalouza de clase A, xa que aforrarás enerxía e ademais reducirás a túa factura.  
 

Como funciona?

As lavalouzas con tecnoloxía máis eficiente hoxe en día son as de clase enerxética A+, A++, A+++. Ademais da etiqueta hai que ter en conta que a lavalouza permita seleccionar ciclos chamados económicos/ecolóxicos, é dicir, que permitan seleccionar temperaturas baixas da auga e tempos curtos.

Tamén existen no mercado as lavalouzas bitérmicas. Teñen dúas tomas independentes de auga, unha para a auga quente e outra para a auga fría. A auga quente tómase do circuíto de auga quente sanitaria, aforrando enerxía e tempo de lavado. 
 

Que equipo comprar?

A etiqueta enerxética dunha lavalouza vai dende a letra A+++ a letra D, e ten en conta a eficacia de lavado, a eficacia de secado, o consumo de auga por ciclo e o consumo de enerxía por ciclo de lavado.

Compra unha lavalouza de clase enerxética A+, A++, A+++, axudarate a aforrar diñeiro e contribuirá ao aforro de enerxía. Á hora de comprar unha lavalouza ten presente a capacidade de lavado que necesitas. Se normalmente tes poucos pratos que lavar, dificilmente poderás utilizar unha máquina grande a plena carga e polo tanto, nunca estarás a traballar coa lavalouza a pleno rendemento. Busca o modelo que che proporcione máis opcións de lavado e, que sobre todo, inclúa a do ciclo frío e ciclo económico. Calcúlase que unha familia de catro persoas pode aforrar co uso da lavalouza duascentas horas anuais das trescentas que son necesarias para a limpeza da vaixela, co conseguinte aforro de enerxía e auga.
 

Canta enerxía consume?

A lavalouza consume auga e electricidade durante o ciclo. O consumo de cada un destes elementos depende da capacidade do aparato e do programa de funcionamento co cal se programe. O consumo dunha lavalouza medio de clase enerxética D é de 372 kWh/ano, se cambiamos este aparato por un máis eficiente, de clase A, cun consumo enerxético de 254.4 kWh/ano, aforramos preto de 118 € ao longo da vida útil do aparato, que adoita ser de 10 anos.
 

Consellos de uso:

Lavar os pratos á man con auga quente pode ser ata un 60% máis caro en auga e electricidade que facelo coa lavalouza a plena carga.

Non poñas en marcha a lavalouza ata que non estea totalmente chea. Pero non a cargues en exceso nin superpoñas pezas, a limpeza non será óptima e deberás volver poñer a funcionar o electrodoméstico ou lavalas á man.

Elimina todos os restos da vaixela antes de metelos na lavalouza.

Para lograr un lavado correcto, é importante que manteñas suficientemente cheos os depósitos de abrillantador e sal. Tamén debes limpar habitualmente o filtro para evitar obstrucións.

É necesario elixir o programa axeitado ao tipo, cantidade e sucidade da vaixela, para así realizar un lavado eficaz, pero sempre co mínimo consumo.

Evita facer funcionar a lavalouza simultaneamente con outros electrodomésticos con alto consumo, como a cociña, o forno, a lavadora. Evitando o uso simultáneo de equipos poderás contratar unha potencia eléctrica menor.

 

Consellos de mantemento:

  • O interior da lavalouza debe limparse periodicamente, sobre todo arredor das gomas e xuntas da porta, onde se acumulan restos de comida. Aclara tamén o filtro despois de cada lavado, é onde se acumulan os restos de comida.

  • En ausencias longas debes limpar a lavalouza cun trapo húmido e deixar a porta medio aberta para evitar a acumulación de malos olores.

  • En caso de que a auga que se subministra na túa vivenda sexa dura ou moi dura, é dicir, que contén carbonatos, bicarbonatos, cloruros, nunha proporción maior á recomendable, é aconsellable o uso de produtos antical. Aumentará a vida do aparato e da resistencia eléctrica particularmente.