Cada cuarto da túa casa necesita un tipo de iluminación distinta. Se dispós das lámpadas máis eficientes nos lugares axeitados, conseguirás un ambiente agradable co mínimo consumo de luz.

 

Utiliza as lámpadas máis eficientes

As lámpadas de clase A consomen 3 veces menos que as de clase G, por iso debes fixarte na clase enerxética da lámpada que vaias comprar.

Ilumina o teu fogar con lámpadas de baixo consumo e fluorescentes. Cando necesites unha luz de maior calidade, para iluminar cadros, fotos ou algún recanto que queiras resaltar, utiliza halóxenos de baixo consumo ou LEDs.

Se substitúes o 25% das lámpadas incandescentes da túa vivenda que permanecen acendidas durante máis horas ao día, por lámpadas fluorescentes compactas podes reducir ata un 50% do consumo eléctrico en iluminación na túa vivenda. Ademais as lámpadas de baixo consumo duran entre 8 e 10 veces máis que as incandescentes convencionais.


Ilumina segundo as túas necesidades reais

Ten varios niveis de iluminación, xa sexa con reguladores e/ou usando distintos interruptores para distintas zonas do cuarto. Así poderás ter o nivel de iluminación que precises en cada momento e en cada zona.

A utilización de cores claras nas paredes diminúe de forma importante as necesidades do nivel de iluminación, aforrando, polo tanto, na potencia de iluminación.

Aproveita a luz do día utilizando nas ventás e nas cortinas cores claras e tecidos que sexan lixeiros para permitir a penetración da luz solar.


Controla o arranque e apagamento das luces

Non é conveniente acender e apagar os fluorescentes con frecuencia, polo que mellor colócaos en estancias onde o tempo de uso é máis longo, como as cociñas. E lembra, se só vas abandonar o cuarto uns minutos, é mellor non apagar os fluorescentes, xa que o seu consumo no arranque é elevado. Aforrarás e alongarás a vida das túas lámpadas.

En locais de pouco uso: despensas, sotos, adegas, etc. é conveniente colocar detectores de presenza para que o acendido sexa automático, aforrando así enerxía.

Utiliza luces exteriores equipadas con fotocélulas ou temporizadores, para que se apaguen soas durante o día.


Se mantés as lámpadas limpas aforrarás máis

A limpeza e bo estado das lámpadas e luminarias da vivenda pode dar lugar a un aforro de ata un 20% no consumo de electricidade en iluminación. Unha lámpada sucia ou en mal estado pode chegar a perder ata un 50% de luminosidade. Tamén debes limpar as pantallas das luminarias e todos os elementos que axuden a reflectir e expandir a luz.

 



Enlaces relacionados:

Consellos de iluminación - Salón

Consellos de iluminación - Cociña

Consellos de iluminación - Cuartos

Consellos de iluminación - Cuartos de baño

Consellos de iluminación - Despacho