Incandescentes

As lámpadas incandescentes son as máis comúns nos fogares españois polo seu baixo custo e a súa facilidade de uso. O funcionamento destas lámpadas baséase en facer pasar unha corrente eléctrica por medio dun filamento de wolframio; este filamento alcanza temperaturas moi elevadas nas que se emiten radiacións que son visibles para o ollo humano. Estas lámpadas son as de maior consumo enerxético, teñen unha vida útil de 1000 horas e unha excelente reprodución da cor.
 

Halóxenas

As lámpadas halóxenas teñen o mesmo sistema que as lámpadas incandescentes, pasar corrente eléctrica por un filamento, só que no seu interior conteñen un composto halóxeno, cuxa función é evitar que se evapore o wolframio do filamento e se deposite na ampola. Desta forma mellórase a vida e a eficiencia da lámpada, a vida útil aumenta ata 2000 ou 3000 horas. Estas lámpadas proporcionan luz de alta calidade (excelente reprodución cromática, alta intensidade, etc.) polo que se empregan en zonas que requiran unha iluminación especial, para resaltar cadros, zonas decorativas, etc. Hoxe en día existen halóxenas dicroicas de baixo consumo, este tipo de lámpada é o halóxeno máis utilizado, a súa versión eficiente, proporciona as mesmas características de iluminación con maior vida útil, 5.000 horas, e un 40% menos de consumo.
 

Fluorescentes

As lámpadas fluorescentes tubulares ou fluorescentes compóñense dun tubo de vidro que contén unha cantidade pequena de gas. A luz conséguese por excitación do gas ao sometelo a unha descarga eléctrica entre dous electrodos. Esta tecnoloxía necesita un equipo auxiliar para funcionar, aínda que no mercado existen fluorescentes con este equipo integrado.

O equipo auxiliar pode adquirirse compacto ou cos seus tres compoñentes por separado:

Reactancias ou balastros: Proporcionan enerxía á lámpada fluorescente. Existen dous tipos: os balastros electrónicos e os electromagnéticos. A tecnoloxía electrónica achega un 25% de aforro enerxético fronte á electromagnética, ademais dun arranque máis rápido e fiable e a eliminación do molesto pestanexo.

Arrancador: eleva a tensión inicial no acendido necesaria para que empecen a funcionar.

Condensador: utilízase para a corrección do factor de potencia, que é moi baixo nas lámpadas fluorescentes.

Os fluorescentes clasifícanse en función do diámetro: T12 (36 mm de diámetro); T8 (28 mm de diámetro), a máis frecuente; T5 (16 mm de diámetro), este fluorescente só funcionan con equipos auxiliares electrónicos e é o máis eficiente. Estas lámpadas consumen un 80% menos que as incandescentes e ten unha vida útil entre 8 e 10 veces maior.

 

Lámpadas de baixo consumo

As lámpadas de baixo consumo (LBC) son en realidade lámpadas fluorescentes compactas (LBC), sobre a tecnoloxía dos tubos fluorescentes redúcese o tamaño e intégrase o equipo auxiliar para poder substituír directamente ás lámpadas incandescentes. O seu consumo é un 80% menor que os convencionais e duran entre 8 e 10 veces máis.
 

LEDs

Os LED (Lighting Emitting Diode) son dispositivos semicondutores (díodo) que transforman directamente a corrente eléctrica en luz. Ao non posuír filamento ten unha vida útil moi elevada, ata de 45000 horas, ademais de consumir ata un 80% menos que as incandescentes convencionais. É a tecnoloxía máis moderna e xa ofrece lámpadas para o sector doméstico, podendo substituír directamente as incandescentes convencionais.

 

Optimiza o consumo de enerxía das túas lámpadas

Simulador de iluminación