Que facer se detectas cheiro a gas:

Abre as portas e ventás para que o espazo se ventile ben. Se che dá sensación de asfixia, toma aire fresco e solicita atención médica inmediatamente.

Pecha os mandos dos aparatos de gas e a chave xeral de paso. Se tras pechar a chave de paso segue ulindo a gas, ventila e sal de casa ata que chegue o servizo técnico de urxencias.

Non manipules aparatos eléctricos nin interruptores para evitar faíscas que poidan provocar explosións ou incendios.

Non fumes nin acendas lapas mentres siga ulindo a gas.

Non volvas abrir a chave de paso ata que reparen a instalación ou o aparato avariado. 

En caso de urxencia, chama ao noso teléfono gratuíto de urxencias 900 750 750 e acudiremos rapidamente a inspeccionar a túa instalación.
 

Que facer se quedas sen subministración de gas:

Comproba que os mandos dos aparatos (cociña, quentador, caldeira, etc.) estean pechados para evitar que o gas escape se a subministración volve de súpeto.

Verifica que todas as chaves de paso de gas estean abertas. Se non o están, ábreas.

Espera un mínimo de 15 minutos (mantendo as chaves de gas abertas e os mandos dos aparatos pechados). Pasado este tempo comproba se tes gas acendendo un lume da cociña.

Se tras facer as comprobacións anteriores continúas sen gas, contacta co teléfono de urxencias 900 750 750.



Boas prácticas


A túa instalación en mans de profesionais
Só unha empresa instaladora autorizada pode facer ou modificar unha instalación de gas. Ante calquera anomalía nos aparatos ou na instalación, avisa ao servizo técnico do fabricante do aparato ou unha empresa instaladora autorizada para corrixila o antes posible.
 

Presta atención á túa instalación

Na cociña, o bo estado da lapa (estable e azul) demostra unha boa combustión. Unha mala combustión, en cambio, pódese detectar cando o fume da lapa mancha as cazolas.
Evita que se apaguen os fogóns mentres cociñas para que non se produzan escapes de gas. Vixía o estado dos tubos flexibles dos aparatos e instala sempre tubos de alta seguridade que cumpran coa normativa vixente.

 

Mantén a instalación ao día

A normativa vixente obriga a realizar un mantemento da instalación e os aparatos de gas, e a utilizalos correctamente. É importante que facilites o acceso á Compañía Distribuidora para que realice unha inspección periódica.
 

Mantén unha ventilación axeitada

As reixas de ventilación deben estar en perfectas condicións, sen obstrucións. O tubo de saída dos gases é fundamental para o bo funcionamento dos aparatos, por iso é importante que o instale un especialista seguindo a normativa.
 

Pecha o gas en ausencias longas

Como precaución, é recomendable pechar a chave de paso do gas da túa casa se vas estar fóra durante un longo período.
O gas natural é unha enerxía moi segura, pero é importante seguir algunhas recomendacións moi sinxelas para gozalo con total tranquilidade.


 

Enlaces relacionados:

Descarga estes consellos e tenos sempre a man