Como funciona?
As caldeiras son equipos de calefacción nos que a achega de calor provén da combustión de diferentes combustibles, os máis habituais, gasóleo, gas natural, GLP -propano, butano-... Esta achega de calor aprovéitase para quentar un fluído, que xeralmente é auga, e que vai realizar un percorrido a través dun sistema de distribución para o quentamento da estanza ou vivenda. Estes equipos acadan rendementos do 90%.

Segundo o tipo de combustión as caldeiras poden ser:

  • Atmosféricas:  caldeiras que realizan a combustión co aire da estanza onde están situadas. Estas caldeiras deixan de venderse en 2010, xa que non teñen saída de fumes controlada.

  • Estancas: caldeiras nas que a admisión de aire e evacuación dos gases se realiza nunha cámara pechada, sen contacto coa estanza onde está situada. Esta caldeira ten un rendemento maior que o anterior.

Ademais da clasificación anterior, existen no mercado caldeiras con modulación automática da lapa, que minimizan os arranques e paradas da caldeira e regulan o nivel da lapa ás necesidades reais, aforrando así enerxía.

As caldeiras en xeral, clasifícanse en función do rendemento enerxético, de 1 a 4 estrelas, sendo a de 4 estrelas a máis eficiente. Esta clasificación eliminarase nun futuro, pero está vixente mentres non se aprobe a nova clasificación enerxética para caldeiras.


Como transporta a calor?

Os sistemas de distribución máis habituais para as caldeiras convencionais son:

  • Radiadores: elementos que intercambian a calor entre a auga quente e o espazo que se vai quentar.

  • Chan radiante: neste sistema de distribución os radiadores substitúense por un sistema de tubos que se colocan por debaixo do chan, e por eles circula a auga quente. Neste caso o chan convértese en emisor de calor. Este sistema non require temperaturas da auga tan elevadas e distribúe homoxeneamente a calor polo que é máis eficiente.


Que caldeira comprar?
Á hora de adquirir unha caldeira, aínda que sexan máis caras é preferible optar por caldeiras de condensación ou baixa temperatura, que son máis eficientes. Outro factor a ter en conta é que teña modulación da lapa automática. Se vas instalar o sistema de distribución ou a cambialo, pensa en instalar chan radiante na túa vivenda en vez de radiadores, gañarás en confort e aforrarás enerxía.


Que tipo de climatización ofrece?
As caldeiras convencionais só poden achegar calefacción ás nosas vivendas. Se desexas ter refrixeración terás que instalar un equipo específico.


A ter en conta

Vantaxes:

Achegan calefacción na túa vivenda e son aptas tamén para a produción de ACS (auga quente sanitaria).

Este tipo de caldeiras ten unha vida útil elevada, de 15 a 20 anos.

Desvantaxes:
  • En comparación con caldeiras máis eficientes, operan a temperaturas moi elevadas que fai que o consumo de combustible sexa maior.

Como se utiliza correctamente?

O uso deste tipo de caldeiras é moi sinxelo, só se acende e apaga en función da demanda de calefacción ou non.



« Volver a Caldeiras