Á hora de comprar:

Unha caldeira de biomasa pode ser unha boa opción de compra nos casos como as vivendas unifamiliares.  
 

Consellos de uso e mantemento:

Unha forma de aproveitar ao máximo a túa caldeira é empregala tamén para a produción de Auga Quente Sanitaria (ACS).

Débese comprobar de forma regular, por parte dun especialista, o funcionamento correcto dos queimadores. Se a caldeira de biomasa non ten sistema de retirada de cinzas, procura realizar esta función de forma periódica; ademais se a caldeira ten alimentación automática procura ter suficiente combustible almacenado. Se tes radiadores, debes realizar purgas periódicas destes, para eliminar o aire acumulado que dificulta a transmisión da calor do interior do radiador ao exterior.

Para unha regulación da temperatura o mellor é instalar un programador na sala principal (salón-comedor) que permita programar o arranque/apagamento da calefacción por horas e días da semana. Ademais, instala válvulas termostáticas nos radiadores da túa vivenda, é unha solución accesible e doada de colocar, e poderás regular de forma independente cada cuarto.
 

Como funcionan as caldeiras de biomasa?

Son caldeiras nas que o combustible é unha enerxía renovable: biomasa, que está composta por materia orgánica de orixe animal e vexetal. Normalmente trátase de residuos agrícolas, dos montes ou da industria da madeira (codias, estelas, serraduras....). Un dos máis utilizados son os pellets, que son pequenos cilindros compostos de serraduras, labras, estelas moídas e demais residuos, todos eles comprimidos.
 

Como transporta a calor?

Os sistemas de distribución máis habituais para estas caldeiras son:

  • Radiadores: elementos que intercambian a calor entre a auga quente e o espazo que se vai quentar.

  • Chan radiante: neste sistema de distribución os radiadores substitúense por un sistema de tubos que se colocan por debaixo do chan, e por eles circula a auga quente. Neste caso o chan convértese en emisor de calor. O chan radiante distribúe homoxeneamente a calor, isto faino aínda máis eficiente e aumenta o confort da estanza.
     

Que caldeira comprar?

Hoxe en día existen caldeiras de biomasa moi eficientes, que permiten a limpeza das superficies de intercambio, a extracción das cinzas de forma automática e alimentación de combustible en continua e automatizado. Estas caldeiras aconséllanse para vivendas unifamiliares, e debes informarte da periodicidade e seguridade de subministración de combustible.
 

Que tipo de climatización ofrecen?

As caldeiras de biomasa ofrecen só calefacción. Se desexas ter refrixeración terás que instalar un equipo específico.


A ter en conta:


Vantaxes:
 

O combustible que utilizan é unha enerxía renovable.

Utilízanse tamén para a produción de ACS.

Aptas para sistemas centralizados en edificios ou vivendas unifamiliares, achegando aforros superiores ao 10% en comparación cos combustibles fósiles.

O combustible utilizado ofrece unha maior seguridade que un fósil, por riscos de explosión.

Son aptas para vivendas unifamiliares e para edificios.

Pódense combinar con sistemas de enerxía solar.
 

Desvantaxes:

  • Alto investimento económico.

  • Rendementos baixos, non superiores ao 88%.

  • Necesidade dun lugar de almacenaxe para o combustible (maior que os depósitos de combustibles líquidos).

  • Necesidade de retirar as cinzas de forma periódica.
     

Como se utiliza correctamente?

O uso deste tipo de caldeiras é moi sinxelo, só se acende e apaga en función da demanda de calefacción ou non.

 

« Volver a Caldeiras