Consellos de uso:

Para lograr unha axeitada utilización da cociña, debes dispoñer dunha batería axeitada, fabricada con materiais que difundan ben a calor, como, por exemplo, o aceiro inoxidable e recubrimentos especiais e con fondo groso para evitar deformacións.

Certos tipos de utensilios axudan a cociñar de forma eficiente: Recipientes compartimentados nos que se pode cociñar ao mesmo tempo as carnes ou pescados e os legumes. Potas a presión ou rápidas, que consomen ata un 60% menos que as tradicionais. Manter as potas tapadas tamén axuda a manter a calor.

Ao cociñar debes ter presente que se pode lograr un importante aforro en tempo, enerxía e diñeiro, cociñando en cantidades maiores e conxelando para o seu posterior consumo.

Utiliza potas e tixolas que teñan un diámetro algo superior á superficie da placa, a cocción é máis rápida e aforrarás ata un 20%. O fondo das cazolas e tixolas debe ser plano e 1 cm. ou 2 cm. maior que as placas eléctricas.

Utiliza a auga imprescindible para cociñar, evitarás gastar enerxía quentando auga que non necesitas.

Apaga o lume 5 ou 10 minutos antes de rematar a cocción para aproveitar a calor residual.

Regras para manter o extractor de cociña: asegúrate de que na cociña non haxa correntes de aire que aumenten o traballo do extractor, e que existe unha entrada de aire exterior para facilitar a extracción. Debes limpar os filtros do extractor periodicamente, ao igual que os condutos do aire de expulsión.
 

Consellos de mantemento:

Para a limpeza da placa das cociñas vitrocerámicas recoméndase utilizar un pano suave cando o foco se encontre morno ou frío. Tamén é recomendable empregar produtos especiais para placas vitrocerámicas que non danen a superficie da mesma. No caso de que existan restos de comida pegadas á placa podes utilizar unha rasqueta. Unha vez limpa a placa debes fixarte en que non quede ningún resto de deterxente, aclara cunha baeta húmida e despois seca. Debes ter tamén coidado cando caen restos de azucre, area, grans... xa que ao ser arrastrados pola superficie poden raiala.
Para a limpeza das cociñas de gas, é moi importante que as saídas de gas estean sempre limpas para evitar obstrucións.