Cal é a situación de partida?

Dende o 1 de xullo do 2009, aqueles consumidores cunha potencia contratada igual ou inferior a 10 kW podían acollerse á Tarifa de Último Recurso (TUR), fixada polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, mediante un contrato cunha Comercializadora de Referencia.

Dende o 1 de xaneiro de 2014 o que é coñecido como TUR pasou a chamarse Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC).

O Real decreto 216/2014 do 28 de marzo establece un novo sistema de Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor, aplicable a partir do 1 de abril, no que cambia o modo polo que se calcula o prezo da enerxía na factura e pasa a determinarse en función do custo horario da enerxía. Adicionalmente, obriga as Comercializadoras de Referencia a ofertar unha alternativa de prezo fixo para os seus clientes con dereito a PVPC.

 

Cales son as tarifas ofrecidas polas Comercializadoras de Referencia?

A partir do 15 de abril de 2014 existen para os consumidores conectados a baixa tensión e cunha potencia contratada menor ou igual a 10 kW, as seguintes tarifas de luz ofertadas polas Comercializadoras de Referencia:

  • Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC).

  • Prezo fixo a 12 meses.

  • Tarifa último recurso para consumidores vulnerables.

Adicionalmente, ás subministracións en baixa tensión que teñen unha potencia >10 kW, ou subministracións en alta tensión, que transitoriamente carecen dun contrato en mercado libre e que continúan consumindo electricidade, aplicaráselles a Tarifa de Último Recurso para clientes Transitorios, que hoxe está definida como o Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC sen discriminación horaria) cun 20 % de recarga.
 

Como se calculará a partir de agora o Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC)?

Desde 1 de abril de 2014 este prezo calcúlase co novo sistema establecido polo RD 216/2014, que ten en conta o custo horario da enerxía para determinar o prezo. 
 

Como está configurado o PVPC?

  1. Custo de produción de enerxía eléctrica: determinarase con base no prezo horario dos mercados diario e interdiario durante o período ao que corresponda a facturación, os custos dos servizos de axuste do sistema e, no seu caso, outros custos asociados á subministración conforme se establece no RD 216/2014.

  2. As peaxes de acceso e cargos que correspondan.

  3. Os custos de comercialización que se determinan por normativa.

 

Que é o prezo fixo a 12 meses?

As Comercializadoras de Referencia están obrigadas a realizar unha oferta alternativa ao PVPC consistente nun prezo fixo anual para aqueles consumidores con dereito a acollerse ao PVPC e que expresamente opten a ela.

Cada Comercializadora de Referencia terá unha única oferta de prezo fixo, vixente durante un mes e aplicable durante 1 ano dende a contratación.

Estas ofertas están publicadas na web da Comisión nacional dos Mercados e a Competencia dende o 5 de abril.

 

Como se configura a oferta de prezo fixo a 12 meses?

O prezo fixo a 12 meses inclúe:

  • Os prezos das peaxes de acceso e, cando proceda os cargos e outros custos que sexan de aplicación á subministración, que sexan publicadosque no BOE en cada momento. Estes prezos poderán ser obxecto de revisión de acordo coa normativa que corresponda.

  • Un prezo polo resto do custo da subministración eléctrica que será fixa durante todo o período anual de vixencia do contrato. Este prezo poderá ser obxecto de revisión transcorrido o prazo dun ano dende a formalización do contrato de acordo á oferta en vigor en cada momento.
     

Se vou contratar un novo punto de subministración de luz, cales son as miñas opcións?

Podes optar por contratar a prezo libre con calquera comercializadora ou podes contratar unha das tarifas fixadas ofrecidas por unha Comercializadora de Referencia (PVPC, prezo fixo ou de seres consumidor vulnerable, a tarifa de último recurso).
 

Como afecta o novo sistema de PVPC aos clientes con Bono Social?

Os consumidores con Bono Social, consumidores vulnerables, terán unha tarifa de último recurso.

O prezo da tarifa de último recurso será o PVPC descontando o Bono Social, que é unha redución do 25 % en todos os termos que o compoñen. 
 

Quen ten dereito a solicitar a tarifa de último recurso para consumidores vulnerables?

As tarifas de último recurso para consumidores vulnerables aplicaranse a aqueles consumidores que cumpran as seguintes condicións:

  • Fogares cunha potencia contratada inferior a 3kW: se o enderezo do punto de subministración é a vivenda habitual do cliente, e dispón dunha potencia < a 3kW, aplicaráselle o Bono Social de conformidade á normativa vixente.

  • Pensionistas con 60 ou máis anos que perciban pensión mínima por xubilación, incapacidade permanente ou viuvez.

  • Familias numerosas.

  • Familias con todos os seus membros en situación de desemprego.

Para os casos que se indican, o consumidor contratará a PVPC e posteriormente deberá acreditar que cumpre os requisitos para solicitar o desconto do Bono Social mediante os formularios e medios que se indican no web.
 

Se teño Bono Social, podo acollerme ao prezo fixo a 12 meses?

Os consumidores vulnerables con dereito ao desconto por Bono social non poden acollerse ao prezo fixo anual sen perder a bonificación do Bono Social. Os clientes Transitorios tampouco se poderán acoller ao prezo fixo a 12 meses. 

 



Enlaces relacionados:

​Tarifa de Último Recurso (TUR)